domingo, 14 de diciembre de 2008


Estafáronme

Efectivamente, estafáronme.

Todo empezou o venres da semana pasada (día 5), cando saín a facer uns recados coa Vespa e esta parouseme de súpeto. Tratei de arrincala, revisei carburante, electricidade, cambieille a buxía e nada. Como estaba no centro da cidade acordeime que na Praza de Orense hai unha tenda concesionaria Vespa (e Piaggio e Gilera, claro) AUTOAVIÓN, ata alí funme empuxando e cando chego dinme que alí non teñen taller, dígolle se me pode chamar ao taller que teñen na outra dirección, que lles diga que moto é e se lle poden botar unha ollada. Dime que si, que sen ningún problema así que a chamada seguitne foi ao guindastre e para o taller que teñen no Birloque.

Cando me recepcionan a vespa e despois de explicarlle o que lle pasa pregúntanme:
- e non será da bateria? - (¡Deus meu onde me metín!, penso eu)
- Batería? se esta moto non leva batería- dígolle
- Ahhh - dime todo estrañado, coma se descubriralle a pólvora.

Sen máis noticias da miña querida Vespa, chamo o martes pola mañá (pasara toda a ponte, que á miña fíxoseme eterna) e dinme que nin miraran para ela, que cando tivesen un ratiño xa verían. O mesmo martes, pola tarde, recibo unha chamada dos mecánicos, primeira pregunta:
- Tes que vir abrir o asento que está pechado.
- O asento está aberto, que xa o deixei aberto eu - dígolle - tes que xogar un pouco co peche que vai un pouco duro.
- Non, non, TES QUE VIR, que está pechado - insísteme con outro ton.
- Estouche dicindo que o asento ESTA ABERTO que o deixei aberto eu á mantenta - vaime a discutir a min, vai listo.
- Bo, bo, xa veremos que facemos.
Pois para iso non me chames, pensei e pásame a outro
- Oe, ISTO onde leva o número de bastidor?
Isto?? que che pensas, que é un vaca? - Pois mira abres o cofano dereito e xa o ves aí gravado.
- Que abro o que?? - dime.
Onde me metín!! - Abres o cofano dereito, a chapa que cobre o motor, as cachas, como lle queira chamar.
- Ahhh, vale, vale, xa te chamaremos e dirémosche algo.

O Xoves pola tarde, cansado de esperar a que me chamasen para dicirme algo, chamo de novo a Autoavión e dime:
- Mira, o fallo POIDA que sexa da bobina de alta, como non puidemos arrincar a moto... entón, puxémonos en contacto coa fábrica (Piaggio) e díxonos que non se fabrican pero nos remitiu a un concesionario en Barcelona que, se cadra teñen o reposto. Logo de falar con eles dixéronnos que non tiñan ese reposto, que non se fabricaba xa e que era IMPOSIBLE de conseguir, que probásemos nalgún despezamento e niso estamos. Pero bo, non sabemos se terá algo máis ata que a arrinquemos.
- Como que non se fabrica, como que non se conseguen, se sen pensalo moito a min ocórrenseme unha decea de páxinas en internet dedicadas aos recambios de Vespa, COMO QUE NUN DESPEZAMENTO, antes de buscar pezas de despezamento haberá que buscar no maior número de sitios posibles - lle digo eu, xa bastante encabuxado.
- Se ti sabes onde conseguir a bobina de alta e nola traee, nós póñemoslla.
Colgo o teléfono e póñome a pensar, primeiro sitio máis próximo que se me ocorre que podería ter= os amigos de Motomania en Vigo, chamo e, logo de presentarme e explicarlle o tema dime:
- Bobina de alta para unha 160?? espera que miro .... - 1 minuto despois - si, teño un par delas.
1 minuto!! tardei en atopala, 1 minuto e sen ser un concesionario, nin mecánico nin nada.
- O problema - dígolle - é que para ir ata Vigo a buscala é un batifondo ..
- Non te preocupes, enviámoscha contrarrembolso. Dáme a dirección - Alucinado quedeime.
Chamo de novo aos IMPRESENTABLES DE AUTOAVIÓN e flipou cun - "Como que xa a conseguiches?".
En vista da falla de COÑECEMENTOS que teñen en AUTOAVIÓN pensei a que outro taller podería levala e acordeime dos amigos de MANEL MOTOR (Fillo do retirado Motos Botana, clásico concesionario Vespa en Coruña) e dixéronme que estaban un pouco liados no taller pero o mecánico díxome de alguén que se dedica a restaurar Vespas que me podería botar unha ollada.
Localiceino e dime que si, chamo a Motomania para anulalo pedido e agradecerlles a sua interese e chamo de novo a AUTOAVIÓN, e dígolle:
- Oe, que xa non fai falla que lle fagades nada máis á moto, que a vou ir buscar.
- Pero... ISTO TEN UNS GASTOS E ... - xa o interrompín ao ver o ton subido que tiña.
- Non te preocupes que eu xa conto que ten uns gastos polo "traballo" que fixestedes.

Preséntome alí cun remolque xa preparado para levarme a moto e, logo de ensinarme os "trámites" que fixeran para localizar a peza, sacan a moto á rúa e pásanme a factura, co concepto:

- DESMONTAR REVISAR ACENDIDO - 2 x 32 € = 64 € e, aplicándolle a IVE:

¡¡¡ 74,24 Euros !!!

74 eurazos, se non lle fixeron nada!!!, nin pestañeou o paisano cando me deu a factura!! nin pestañeou, nin me mirou á cara, só me dixo:
- cóbrache aí a miña compañeira - e faltáronlle pernas.
Que opción che queda, pagar e xa está, vanche a dicir que tiveron que desmontar o asento e depósito para mirar... e tal e despois volver montar (isto remárcoo e agora saberedes o porqué).
Non tiveron as santos narices nin de axudarme a montar a moto no remolque, que, baixo unha choiva tremenda, tívenme que apañar eu só.

Cal foi a miña sorpresa cando chego ao taller onde SI ma van a arranxar, porque saben de que moto se trata, e vexo que:
· o cofano dereito está medio solto, con que podía haber caído no traslado no remolque co que iso podería levar (danos a terceiros, danos propios, etc)
· os tres parafusos de amarre do asento estaban case saídos do todo, menos mal que ía pechado e suxeitábase polo peche.
· A buxía estaba sacada e ía pegando botes solta, deixando un buraco para que entrase a auga perfecto.

Podédesvos imaxinar o meu cabreo, non só me estafan por dúas horas dun traballo que se pode facer en media, senón que pola neglixencia dos mecánicos á hora de "rematar" o seu traballo case se provoca unha desgraza maior.
Pero o cabreo non quedou aí, ao día seguinte, o venres, chámame o mecánico e dime:
- Oe, que isto non é da bobina de alta, que está perfectamente, isto é un pouco máis grave .....
Bo, resumindo, que era do aceso electrónico.
Que cara íame quedar cando logo de pagar 90 euros por unha bobina de alta traída de Vigo dixésenme os de AUTOAVIÓN que non, que non era diso que iso estaba ben, que agora "pode" que sexa do aceso electrónico que custa "só" uns 200 euros. INCRIBLE.

Por iso, e logo de darvos a chapa un bo intre, sigo insistindo para que quede ben clariño:

ESTAFÁRONME, AUTO AVIÓN MOTOS ESTAFOUME.

E digo Auto Avión Motos, porque curiosamente no concesionario de coches estou contentísimo, eu compreime ali un (Daewoo) e levei hai pouco á miña nai e comprou outro e xa vos digo, co concesionario de coches estou contentísimo, que hai que ser coherente e saber diferenciar.

Vespa & Lambretta dende Culleredo > A Coruña > Galicia > España

No hay comentarios: